viernes, 21 septiembre, 2018
Portada > Actualidad > Un elevador hidráulico, un novo servizo na piscina municipal

Un elevador hidráulico, un novo servizo na piscina municipal

O Concello da Laracha dotou, este mes de agosto de 2018, á piscina municipal cun elevador hidráulico, equipamento que xa está operativo para poder ser empregado polas persoas usuarias desta instalación e que presentan mobilidade reducida.

Este novo elemento permite a entrada e saída do vaso da piscina de xeito autónomo, seguro e moi sinxelo, xa que unha vez subida a persoa á cadeira soamente deberá pulsar un botón para poñer o elevador en funcionamento.

O Concello tamén está a acometer outra actuación dirixida a crear un vestiario individual e independente adaptado para persoas con este tipo de discapacidade. Esta infraestrutura, que terá un acceso propio desde a entrada principal ao complexo deportivo e tamén desde a zona da piscina, está especialmente indicada para usuarios con mobilidade reducida que deban ir acompañados por persoas de diferente sexo.

Nos próximos días o Concello da Laracha comezará a execución dun terceiro proxecto no complexo deportivo da piscina municipal. Neste caso está relacionado coa mellora da eficiencia enerxética no sistema de quentamento da auga do spa. A actuación consiste en substituír a actual caldeira de gas natural instalando un novo grupo de bombeo e tubaxes con illamento térmico que permitirán levar ata o spa a auga quente desde o xerador de calor de pellets co que conta este complexo deportivo. Deste xeito a enerxía a empregar pasaría a ser renovable, máis eficiente e cunha materia prima que, ademais de proceder de Galicia, sería máis barata, polo que estamos ante un
investimento economicamente rendible.

Estas tres actuacións serán financiadas integramente polo Concello da Laracha con fondos propios municipais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *