lunes, noviembre 20, 2017
Portada > Actualidad > O Santuario dos Milagres de Caión, protagonista do cupón da ONCE

O Santuario dos Milagres de Caión, protagonista do cupón da ONCE

O Santuario dos Milagres de Caión é a imaxe do cupón da ONCE do xoves 7 de setembro. A figura deste elemento patrimonial do Concello da Laracha será difundida nos cinco millóns e medio de cupóns que se porán á venda para o sorteo que se celebrará na véspera da Romaría dos Milagres de Caión, Festa de Interese Turístico de Galicia.

O rexedor municipal agradeceu á ONCE “por escoller Caión para ser a imaxe do cupón nunha data tan sinalada para nós, xa que esta é a mellor difusión que podemos ter no ámbito nacional do santuario e das festas dos Milagres”. López Varela valorou o labor social da ONCE como “un orgullo para toda España” e animou aos laracheses a comprar o cupón do sorteo deste xoves, no que agarda que “a Virxe dos Milagres bote unha man” para que a sorte sorría no Concello.

Manuel Martínez Pan agradeceu a acollida en Caión e referiuse ao triplo obxectivo que representa o cupón do ONCE, salientando o aspecto promocional do elemento patrimonial ao que vai dedicado, a ilusión que supón para o público en xeral participar no sorteo e a excelente ferramenta que é para dar oportunidades e saída laboral á xente con diversidade funcional.

O Santuario dos Milagres de Caión é unha construción de estilo barroco compostelán datada no século XIX e que concentra na súa fachada a maior creatividade e ornamentación. A torre-campanario é de estilo neoclásico e está formada por dous corpos, un deles cadrado e, o outro, de forma octogonal.

Segundo as crenzas populares, da fonte que se atopa xunto ao Santuario –construída en 1828- emanan augas “milagreiras” que os devotos empregan para humedecer as partes do corpo nas que sofren algunha doenza coa esperanza de que sexa curada.

Este Santuario é lugar de peregrinación para miles de persoas. O 8 de setembro ten lugar a Romaría dos Milagres de Caión, evento que desde 2008 conta co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia. O domingo anterior a esa data, a Virxe dos Milagres é subida en procesión desde a Igrexa Parroquial da Nosa Señora do Socorro –onde se atopa durante o resto do ano- ata o propio Santuario, lugar no que permanece ata o domingo seguinte, cando se realiza a procesión de regreso e finalizan as celebracións.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *