sábado, julio 21, 2018
Portada > Actualidad > Programa social e cultural para celebrar as Letras Galegas

Programa social e cultural para celebrar as Letras Galegas

O Concello da Laracha organiza unha ampla e variada programación municipal, social e cultural, para festexar as Letras Galegas, incluíndo propostas culturais e sociais dirixidas a todos ospúblicos.

A vida e obra de María Victoria Moreno centrará a exposición que se poderá ver na biblioteca municipal da Laracha durante todo o mes de maio baixo o título “Sombra e luz”. Trátase dunha unidade didáctica composta por dez carteis e que foi cedida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia co propósito de resaltar a figura da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018, salientando a súa participación como escritora e
impulsora das manifestacións culturais que contribuíron á fixación da lingua galega e á posta en valor da nosa cultura.

As actividades infantís teñen unha importancia destacada neste programa con iniciativas que se desenvolverán nas tres bibliotecas municipais. Por unha parte hai tres obradoiros creativos, dous deles na biblioteca da Laracha (“Cartas de Amor a Alfombriña”, co Grupo Chévere, os luns 14 e 21 ás 18:30 h) e un na de Caión (“A galiña dos ovos de conto”, o martes 15 ás 18:00 h). Por outro lado, haberá sesións de contacontos en A Laracha (“María e os ollos alabarados”, de Xarope Tulú, o mércores 16 ás 18:00 h) e en Paiosaco (“Chocolate”, a cargo de Teatro Calavera, o venres 18 ás 18:00 h). Participar en calquera destas propostas é gratis e non require inscrición previa.

O sábado 19 pola tarde, no pavillón do IES Agra de Leborís, terá lugar unha nova edición da xa tradicional Festa Homenaxe aos nosos maiores, que consistirá nunha misa (inicio ás 13:00 horas), xantar e baile. Este luns será o último día para mercar as entradas no edificio administrativo ao prezo de 10 euros. O evento vai dirixido aos veciños maiores de 65 anos de idade, xubilados e pensionistas.

Na xornada do domingo 20 a música e o baile tradicionais galegos serán os grandes protagonistas. As asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión actuarán a partir das 18:00 horas na explanada fronte á biblioteca municipal da Laracha. No caso de que as condicións climatolóxicas non sexan favorables, o espectáculo tería lugar no pavillón do IES Agra de Leborís.

Neste programa municipal tamén se inclúen as exposicións dos traballos realizados polos veciños da Laracha que veñen participando desde o pasado mes de outubro nos diferentes cursos do programa municipal de actividades de inverno. A exposición da Laracha será a primeira en abrirse o venres 18 a partir das 20:00 horas no baixo da biblioteca municipal. Poderá visitarse ata o mércores día 23 en horario de 17:00 a 21:00 horas. Para o venres día 25 ás 17:00 horas están programadas as aperturas das mostras de Caión (antiga casa reitoral) e de Paiosaco (centro sociocultural da Porta Santa). En ambos casos poderanse visitar durante esa fin de semana de 17:00 a 20:00 horas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *