viernes, 21 septiembre, 2018
Portada > Actualidad > Xa desde o inicio do curso escolar funciona o servizo municipal “Madrugadores”

Xa desde o inicio do curso escolar funciona o servizo municipal “Madrugadores”

Co inicio do curso escolar 2018-2019 para os alumnos de educación infantil e primaria, o mércores día 12 de setembro de 2018, o Concello da Laracha volve poñer en marcha os centros de ensino “Madrugadores”, o servizo de axuda á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se presta a través do Programa Harmoniza, cofinanciado polo Concello da Laracha, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.

Actualmente xa hai un total de 74 nenos inscritos para beneficiarse deste programa, dos cales 55 son alumnos do CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha e 19, do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, centro no que o servizo será prestado por primeira vez. Nestes dous colexios a totalidade dos solicitantes obtiveron a súa praza. No caso do CEIP de Caión requírese dun mínimo de seis beneficiarios para poder poñer en marcha o programa.

En todos os casos, a inscrición permanecerá aberta durante todo o curso escolar e debe formalizarse acudindo ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha.

Os alumnos usuarios de Madrugadores poderán acudir os días lectivos ao centro de ensino no que estean matriculados desde as 7 da mañá, onde permanecerán ata o inicio da actividade no colexio ao cargo de persoal especializado e realizando actividades ludorecreativas. Existen diferentes modalidades (mes completo, días soltos e uso ocasional, en todos os casos coa opción de incluír ou non o almorzo), podéndose acoller cada usuario á que mellor se adapte ás súas necesidades. As cotas a aboar por cada usuario variarán tendo en conta precisamente a opción escollida e os recursos económicos de cada familia beneficiaria.

Con esta iniciativa o Concello da Laracha dá resposta ás necesidades que se lles presentan a cada vez máis familias residentes no termo municipal, para as que a diferenza de horarios entre o inicio da actividade laboral dos proxenitores e a dos centros de ensino para os nenos dificultan a conciliación. Cabe lembrar que o Concello da Laracha tamén ofrece ao longo de todo o ano o servizo gratuíto de aula lúdica municipal para nenos de 3 a 12 anos, estando dispoñible polas tardes durante o curso escolar e polas mañás no verán.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *