Portada > Actualidad > O Goberno propón ao Pleno un suplemento de crédito para financiar investimentos no Concello

O Goberno propón ao Pleno un suplemento de crédito para financiar investimentos no Concello

O grupo de Goberno do Concello da Laracha presentou, o 11 de xullo de 2018, na Comisión Informativa de Facenda e Especial de Contas a proposta de aprobación dun suplemento de crédito que será elevada ao Pleno extraordinario que se celebrará o luns 16 de xullo.

O executivo pretende incorporar aos orzamentos actuais a cantidade de 541.042,60 euros que se destinarían na súa práctica totalidade a ampliar e mellorar as infraestruturas públicas de titularidade municipal ao tratarse de gastos que non están contemplados inicialmente nos presupostos, pero que se considera non poden demorarse e deben ser executados neste ano. Dita cifra sería financiada con cargo a unha parte do remanente líquido de tesourería e superávit que deixou o peche do exercicio económico anterior.

O destino deste suplemento de crédito sería a aportación municipal para facer fronte á primeira anualidade da construción do centro comunitario “Costa da Morte” de Caión, a creación das beirarrúas na 2ª e 3ª travesías Eusebio Bértoa Queijo (casco urbano da Laracha), a mellora de todos os pasos para peóns da AC-552 no Concello da Laracha (Avenida Bergantiños en Paiosaco e Avenida Fisterra na capital municipal), a renovación do parque infantil do campo da feira de Paiosaco, a mellora das infraestruturas viarias de acceso ao parque empresarial, a creación dun novo arquivo no edificio de usos administrativos e o proxecto de accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos. Tamén sería contratado persoal para o servizo de soporte e de apoio á aplicación TEDeC (plataforma da administración electrónica).
Todas estas actuacións son proxectos dirixidos a reforzar a seguridade en diferentes puntos da rede viaria municipal, renovar equipamentos, potenciar o turismo, mellorar os servizos municipais e crear en Caión unha instalación pública da que carece na actualidade e que permitiría contar cun centro que albergaría mostras permanentes sobre a historia da pesca, salas multiusos, salón de actos e as novas oficinas da Confraría de Pescadores.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *