Portada > Actualidad > O Goberno local anima os veciños a descubrir os sendeiros da Rede Natura 2000 en Caión

O Goberno local anima os veciños a descubrir os sendeiros da Rede Natura 2000 en Caión

Rede Natura 2000 en Caión

Rede Natura 2000 en Caión

A Laracha conta cunha destacada riqueza natural, ambiental e paisaxística que en moitos casos mesmo é descoñecida polos veciños. O goberno local está esforzándose para poñela en valor precisamente co obxectivo de que tanto os laracheses como as persoas que visitan o noso termo municipal poidan descubrir e disfrutar destas paraxes.

Durante os últimos días as cuadrillas medioambientais que están ao servizo da Laracha realizaron o completo acondicionamento das dúas sendas peonís creadas e sinalizadas nos coñecidos como camiños de Anobos e de Augacae, ambos protexidos pola Rede Natura 2000 e situados na zona de Xermaña de Caión.

O alcalde, José Manuel López Varela, o concelleiro responsable da área de medioambiente, José Ramón Martínez Barbeito, e a concelleira Patricia Bello percorreron  ambos sendeiros, desde os que se pode divisar unha fermosa panorámica do inicio da Costa da Morte (costa leste de Caión, Baldaio Malpica e illas Sisargas) e do litoral de Arteixo, incluíndo o porto exterior de Punta Langosteira.

A actuación realizada polas cuadrillas medioambientais supera os 1.200 metros lineais nos que se acometeron as correspondentes labores de limpeza e desbroce para facilitar o tránsito a pé por estes camiños. Ao longo do percorrido os sendeiristas, ademais de gozar das paisaxes e da biodiversidade deste entorno, atoparanse con paneis informativos nos que se lles ofrecen datos sobre as diferentes especies animais (centrándose especialmente nas aves) existentes na zona, así como mapas de situación para poder coñecer en cada momento a súa ubicación.

Outro atractivo do sendeiro é poder descubrir os restos do muíño de auga existente ao final do sendeiro de Augacae e que se sitúa moi próximo ás rochas do fermoso cantil que se forma na enseada de Lourido.

A colaboración entre o Concello  e a Asociación Ambiental Senda Nova permitiu a principios de verán desenvolver a ruta de sendeirismo Camiños de Caión que tamén discorreu por estas zonas protexidas pola Rede Natura 2000. Agora o Concello realizou esta actuación co obxectivo de poñer en valor estes ámbitos e animar a veciños e visitantes a que poidan descubrilos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *