Portada > Actualidad > O Concello quere mellorar os accesos ó parque empresarial e o alumeado público

O Concello quere mellorar os accesos ó parque empresarial e o alumeado público

Vista panorámica do Parque empresarial da Laracha en 2011. Foto: seasuelo.com

Vista panorámica do Parque empresarial da Laracha en 2011. Foto: seasuelo.com

O 20 de abril o Concello da Laracha acordou presentar á Consellería de Economía e Industria un novo proxecto referido á mellora dos accesos ao parque empresarial, solicitando a colaboración económica para o cofinanciamento do mesmo ao abeiro da convocatoria de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos polígonos industriais.

O proxecto está valorado en 136.000 euros e inclúe a mellora das estradas que dirixen ao ámbito industrial desde as vías AC-552 (A Coruña-Fisterra) e DP-1913 (A Laracha-Baldaio). En concreto, consiste na nova pavimentación e sinalización de tres tramos que suman unha lonxitude próxima aos mil metros.

Por outra banda, o goberno local pedirá outra subvención (ao Instituto Enerxético de Galicia) para cofinanciar a substitución, renovación e mellora de cincuenta e tres cadros eléctricos do alumeado público en diversidade de zonas rurais, contemplando a inclusión nos mecanismos de reloxos astronómicos, elementos que permiten o acendido e apagado de xeito automático e acorde á época do ano baseándose na posición solar, o que implica unha maior eficiencia e aforro enerxético.

Actualmente está pendente de resolución outra solicitude de subvención da Laracha de características similares. No caso de que ambas axudas económicas fosen concedidas, o Concello renovaría por completo todos os cadros eléctricos de iluminación pública situados nos núcleos rurais das trece parroquias.

Por último, o goberno local tamén acordou solicitar a organización dunha nova acción formativa para persoas desempregadas (AFD) á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *