lunes, agosto 20, 2018
Portada > Actualidad > O 33º Torneo de Peñas ten gañador

O 33º Torneo de Peñas ten gañador

San Román proclamouse campión da 33ª edición do torneo “Concello da Laracha” de Peñas de Fútbol tras vencer na final ao gañador do ano pasado, Sporting Bértoa da Laracha, por 1-0 no encontro disputado o 14 de xullo de 2018 no Campo Municipal da Laracha ante uns cen espectadores.

O partido estivo marcado pola igualdade predominante durante os noventa minutos e o excelente rigor táctico en ambos conxuntos, o que implicou que as defensas brillasen máis que os ataques e que as ocasións de gol fosen escasas.

Sporting Bértoa da Laracha, consciente da súa maior veteranía e da superioridade física de San Román, foi máis conservador e baseou o seu xogo nunha excelente coordinación defensiva e no contraataque.

Sporting Bértoa

Pola súa parte, o conxunto da parroquia de Cabovilaño levou o peso da posesión, pero sempre atopándose con dificultades para superar liñas en campo rival. No treito final da primeira metade chegou o único tanto do partido, obra de Martín Pombo –que levaba pouco tempo sobre o terreo de xogo tras comezar como suplente-, que á postre sería o definitivo e lle daría a vitoria ao San Román.

Na segunda metade Sporting Bértoa da Laracha tomou riscos e mesmo formou nos últimos minutos cunha defensa de tres homes para incorporar máis futbolistas ao ataque. Aínda que tivo moitos achegamentos á área rival e buscou o empate ata o pitido final, San Román foi quen de aguantar a presión e levarse o partido e o torneo.

O campionato pechouse co acto de entrega dos trofeos. Ademais do premio ao campión (San Román) e subcampión (Sporting Bértoa da Laracha), Peisako A Pía recibiu o galardón do terceiro clasificado ao vencer a Canteras El Pozo por 2-1 no partido disputado o venres.

 

FICHA TÉCNICA DA FINAL

SAN ROMÁN 1 – 0 SPORTING BÉRTOA DA LARACHA

Gol. Primeira parte: 1-0 (Martín Pombo).

SAN ROMÁN:
Equipo inicial: Mauricio; Álex, Casillero, Cristian, Yago; Marcos Casás, Óscar, Juan,
Zeus, Avelino; Chato.
Tamén xogaron: Catoira, Martín Pombo, Josiño, Puyol, Álex Velo, Pablo e Adrián.
Adestrador: Martín Fuentes.

SPORTING BÉRTOA DA LARACHA:
Equipo inicial: Maikel; Cantudo, Loureiro, Óscar, Roberto; Marcos, Cabezas, Roberto
Fernández, Alberto Cruz; Alberto Baneiras e Iván Suárez.
Tamén xogaron: Rolando, David, Zopi, Nico, Rubén e César Serrano.
Adestrador: Tonio dos Muíños.

(Crónica Concello da Laracha)

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *