lunes, mayo 21, 2018
Portada > Actualidad > “Coñecer o teu Concello” en tres andainas

“Coñecer o teu Concello” en tres andainas

O departamento de cultura e deportes da Laracha pon en marcha o programa “Coñece o teu Concello”, que se marca como obxectivo ofrecer á veciñanza unha oportunidade para realizar tres andainas por diferentes localizacións da zona interior do termo municipal nas que se destacarán a natureza, as paisaxes, o patrimonio histórico e os recursos turísticos de maior relevancia.

A primeira das andainas  é o domingo 29 de abril e titúlase “A senda do Anllóns”.

Trátase dunha ruta circular que partirá ás 10:00 horas desde o IES Agra de Leborís e discorrerá a carón do río ata Tuixe (parroquia de Lemaio). No camiño de volta ata o punto de partida pasarase polo Castro de Montesclaros (parroquia de Vilaño). En total percorreranse 10 quilómetros nun roteiro de dificultade baixa e apto para todos os
públicos.

Nos outros dous roteiros haberá buses gratuítos que sairán da Praza do Concello ás 9:30 horas coa previsión de iniciar as camiñatas media hora máis tarde no lugar de saída.

O 13 de maio realizarase a ruta “Os muíños do Bradoso” pola parroquia de Montemaior, tamén nun percorrido circular de 7 quilómetros de distancia e dificultade baixa-moderada. Con inicio e fin na escola de Cumiáns, durante a andaina pola senda fluvial poderanse ver varios muíños de rodicio.

O 10 de xuño será a quenda para “As pedras de Soandres”, un roteiro de dificultade moderada e trece quilómetros de distancia. Partirase do mosteiro de San Pedro de Soandres, visitaranse os Fornos dos Mouros e a Pedra da Cabirta e concluirase o percorrido no miradoiro de Santa Marta, no punto de confluencia das parroquias de Soandres, Soutullo e Coiro.

As inscricións son gratuitas e deben formalizarse no Concello, ben acudindo á Casa Consistorial ou chamando ao 981 605 001.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *