Portada > Actualidad > Certificada polo Pleno a participación no Plan de Travesías da Deputación

Certificada polo Pleno a participación no Plan de Travesías da Deputación

Foto: Concello da Laracha

Foto: Concello da Laracha

O Concello da Laracha celebrou o 20 de novembro, unha sesión extraordinaria do Pleno na que a cuestión máis destacada foi certificar, por unanimidade dos catro grupos políticos, a participación na terceira fase do Plan de Travesías da anualidade 2015 promovido pola Deputación da Coruña.

O trámite, no que se acredita formalmente a autorización para acometer as obras, foi requirido polo ente provincial despois de aprobar o pasado día 21 de maio un investimento de 307.975,60 euros para financiar o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada DP-0514 coa construción dunha senda peonil a ambas marxes da estrada que comunica Xermaña coa vila de Caión.

Dita senda alcanzará os 3,5 metros de anchura en determinados tramos. O proxecto tamén inclúe a instalación de elementos de seguridade (sinalización e barandas), reserva de zonas de estacionamento para vehículos en puntos nos que así sexa posible, mellora na rede de recollida de augas pluviais e as canalizacións soterradas dos servizos de iluminación pública e telefonía.

Prórroga do Plan de Igualdade

Tamén houbo unanimidade na prórroga por dous anos máis do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres do Concello, que fora aprobado en 2011 e contaba cun prazo de execución ata finais do presente ano 2015.

O acordo plenario baséase no informe da directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha no que se pon de manifesto que “boa parte dos obxectivos previstos son moi amplos”, “un novo plan suporía marcar obxectivos similares nalgunhas áreas de actuación” e que “ten percorrido suficiente para poder desenvolver actuacións diversas que poden complementarse coas propostas no VI Plan Galego para a igualdade entre homes e mulleres (2013-2015) e co Plan Estratégico de Igualdad de Oportunidades (2014-2016)”.

Modificación RPT

Á relación de postos de traballo (RPT) incorporarase a praza de animador/a cultural despois do acordo plenario, punto que contou coa única abstención do grupo mixto (TeGa) e os votos a favor das outras tres formacións.

Período medio de pagamento e cambio da data do Pleno ordinario

Rematouse o Pleno dando conta do período medio de pagamento aos provedores correspondente ao terceiro trimestre de 2015. Tal e como recalcou o alcalde, José Manuel López Varela, este informe de intervención reflicte que o Concello da Laracha está a realizar o abono das facturas “dentro dos prazos legalmente establecidos”.

Por último, acordouse cambiar a data de celebración do próximo Pleno ordinario, que quedou fixado para este luns 23 de novembro,  e non o venres, como lle correspondería. O motivo é evitar realizar dúas sesións na mesma semana, xa que hoxe 23 de novembro luns deben sortearse as mesas electorais para os comicios do 20 de decembro.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *