Portada > Actualidad > Café Bar Esmorís: primeiro premio xurado profesional e popular en “A Laracha de Tapas”

Café Bar Esmorís: primeiro premio xurado profesional e popular en “A Laracha de Tapas”

Tapa Café Bar Esmorís

O Café Bar Esmorís, situado na rúa Santa Lucía da Laracha, coa súa “costela asada con puré de pataca e grelo”, ofreceu a mellor tapa segundo os criterios tanto do xurado profesional como do popular, obtendo os primeiros premios en ambas categorías, dotados con 300 e 200 euros respectivamente na III edición “A Laracha de Tapas”.

Segundo os responsables deste local, durante os tres días esgotáronse as 650 tapas que elaboraran empregando 90 quilos de costela.

O “Bocadito Guadalupe”, unha filloa rechea con chicharróns e queixo coa que concursou o a Cafetería Guadalupe (Avenida de Caión), foi galardoado co segundo premio do xurado profesional, dotado con 250 euros. Neste local foron despachadas preto de 1.500 tapas.

O xurado profesional estivo composto polos bloggers gastronómicos José Antonio Domínguez (www.rutasyrestaurantes.com), Alberto López Traba (www.elzampondecompostela.blogspot.com.es) e Lucía Deza
(www.lasrecetasdelualba.es/). Todos eles coincidiron en destacar a alta calidade das elaboracións.

O xurado popular formárono todos os clientes que depositaran os seus votos nas urnas habilitadas para tal fin nos locais participantes. En total foron rexistrados 774 votos válidos (debían estar selados por tres locais diferentes), dos cales 168 foron para a creación do Café Bar Esmorís, a mellor valorada. Café Bar Guadalupe tamén quedou no segundo lugar, O Noso Café no terceiro, Manhattan Skyline no cuarto e Bar Sara no quinto.

Todas as persoas que emitiron o seu voto participaron no sorteo dos regalos doados polos establecementos participantes e as empresas colaboradoras. O acto de entrega dos premios aos locais e tamén dos agasallos aos consumidores que votaron terá lugar o  sábado (17 de marzo) ás 11:30 horas na Casa da Cultura da Laracha.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *