Portada > Actualidad > Arteixo e A Laracha presentan á Xunta un obradoiro de emprego

Arteixo e A Laracha presentan á Xunta un obradoiro de emprego

imglarachaOs Concellos da Laracha e de Arteixo promoven un proxecto en común que se presentará á Xunta de Galicia e que ten por finalidade a organización e desenvolvemento do obradoiro de emprego denominado “A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego” que se financiaría con cargo á liña de subvencións convocadas pola Consellería de Traballo e Benestar e publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) número 93 do pasado día 16 de maio.

A solicitude desta subvencións require do acordo da Xunta de Goberno Local da Laracha que se tomará na sesión ordinaria do luns 17 de xuño. Precisamente consensuouse que o Concello da Laracha liderase o proxecto debido á súa maior experiencia na organización e xestión de obradoiros de emprego. O éxito dos realizados nos últimos anos foi recoñecido mesmo polos técnicos da propia Consellería de Traballo e Benestar.

O obradoiro “A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego” foi deseñado como un innovador programa mixto de formación e emprego dirixido a mellorar a ocupabilidade de persoas que se atopan sen traballo e que teñan dezaoito ou máis anos de idade, ás que se lles ofrecería a posibilidade de aprender un oficio e recibir o correspondente certificado de profesionalidade necesario para a súa futura inserción no mercado laboral.

O programa proposto ten unha duración de seis meses e un orzamento total de 478.000 euros. No caso de obter o financiamento por parte da Consellería de Traballo e Benestar, poríanse en marcha tres obradoiros de formación en especialidades nas que existe unha demanda real de emprego no mercado laboral público e privado, tales como o montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas, a atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e a dinamización de actividades educativas de tempo libre para o público infantil e xuvenil. Ademais, os alumnos-traballadores percibirían unha formación complementaria en aspectos como competencias clave, informática, prevención de riscos laborais e sensibilización medioambiental e de igualdade de xénero.

En cada unha das especialidades serían formadas 15 persoas para alcanzar un total de 45 alumnos-traballadores que, durante os seis meses nos que se desenvolva o obradoiro, serían a todos os efectos empregados municipais cun contrato de formación, percibindo o seu correspondente salario. O equipo directivo, persoal docente e grupo de apoio estaría formado por un número de profesionais aínda por determinar.

A petición conxunta dos Concellos da Laracha e Arteixo do obradoiro Colaborando polo emprego posibilitará, tal e como establecen as bases da convocatoria, incrementar as posibilidades de acceder ás subvencións da Consellería de Traballo e Benestar para o desenvolvemento deste tipo de proxectos. Esta cooperación entre os gobernos locais de ambos municipios xa posibilitara, recentemente, a elaboración doutro proxecto común sobre aforro enerxético que foi presentado ao Inega no pasado mes de abril.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *