Portada > Actualidad > Alumnos de primaria do Otero Pedrayo visitan o Concello

Alumnos de primaria do Otero Pedrayo visitan o Concello

Setenta e catro alumnos que cursan os seus estudos de 2º de primaria no CEIP Otero Pedrayo da Laracha visitaron o 24 de outubro (2018) a Casa do Concello nunha actividade educativa complementaria organizada pola concellería de Educación e o persoal docente do colexio.

Os nenos, acompañados polos seus mestres, coñeceron as diferentes dependencias municipais.

O alcalde, José Manuel López Varela, fixo de guía deste percorrido que levou aos rapaces, entre outros lugares, polo despacho da Alcaldía, o balcón da Casa do Concello, as oficinas xerais e tamén o salón de plenos, onde os rapaces formularon varias preguntas ao rexedor municipal relacionadas co seu labor diario no Concello.

As inquedanzas dos nenos centráronse, principalmente, no significado dos símbolos municipais.

López Varela explicoulles que no escudo do Concello  a torre fai referencia tanto ás Torres de Cillobre como ás Torres do Viso de Montemaior, que aparece o mar e unha balea porque antigamente Caión foi un porto baleeiro e que as espigas de trigo dos laterais están motivadas pola fertilidade das terras larachesas.

O rexedor tamén lles mostrou a bandeira do Concello, formado por un cruceiro dourado sobre un fondo celeste, o outro símbolo oficial que a maioría dos nenos descoñecían.

Ademais do encontro cos representantes do goberno local, axentes da Policía Local e membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil permitiron aos rapaces coñecer parte do seu parque móbil –que foi desprazado ata a praza do Concello-, equipamento de emerxencias e material.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *