miércoles, abril 25, 2018
Portada > Actualidad > A deputada Ánxela Franco presenta á FEGAMP a Rede de Concellos polo Benestar

A deputada Ánxela Franco presenta á FEGAMP a Rede de Concellos polo Benestar

Reunión na Fegamp

 

A responsable da área de Igualdade, Educación e Servizos Sociais da Deputación da Coruña mantivo unha reunión co presidente e vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García e Manuel Mirás co fin de presentar o proxecto de Rede de Concellos polo Benestar e estudar colaboracións para a elaboración do Plan de Acción de Servizos Sociais. Desde a Fegamp, anunciaron que intentarán trasladar a iniciativa á reunión da Axenda Social para que se desenvolva en todos os concellos galegos.

A deputada Ánxela Franco, presentou na Fegamp os eixos centrais do Plan de Acción de Servizos Sociais “Rede de Concellos para o Benestar”, unha análise na que está a traballar co ánimo de coñecer a realidade social dos concellos da Coruña e así poder elaborar no futuro políticas eficientes que optimicen a xestión dos recursos.

Ánxela Franco defendeu na xuntanza que o estudo que está a realizar na Deputación da Coruña, precisa da participación dos concellos da provincia para o que solicitou a colaboración da Fegamp. Segundo explicou, o estudo suporá un incremento significativo sobre o coñecemento que das áreas de Servizos Sociais e servirá de marco para optimizar os investimentos na área coas necesidades detectadas no territorio.

Na xuntanza cos máximos responsábeis da Fegamp, Ánxela Franco avogou pola necesidade de compartir información entre as administracións “para que as ferramentas sexan útiles e os recursos cheguen até onde teñen que chegar”. A metodoloxía do proxecto fundaméntase no traballo participativo nun proceso en que se entrevistarán a 300 persoas, en comunicación cos 93 concellos, asociacións, federacións e entidades sociais para acadar a maior información posible das necesidades e situacións existentes.

Pola súa parte, o presidente da Fegamp, Alfredo García, comprometeuse a “trasladar a información presentada hoxe pola Deputación a todos os concellos da Coruña para que colaboren con este proxecto e así poder avaliar a realidade actual dos servizos sociais nos concellos da provincia”. Ademais, Alfredo García asegurou que desde a Fegamp ían intentar “trasladar esta iniciativa á reunión da Axenda Social para facer extensiva esta proposta a todos os concellos galegos e así contar cunha visión ampla do estado dos servizos sociais municipais en Galiza de forma que se poidan emendar posíbeis erros e establecer lazos de colaboración”.

O Plan de Acción “Rede de Concellos para o Benestar”, ten como obxectivos coñecer a realidade das entidades sociais a nivel local e comarcal, identificar as súas necesidades e as da cidadanía, definir liñas de actuación e cooperación entre entidades públicas e privadas, e avaliar as propostas que acheguen os diferentes actores do tecido social da provincia.

Na xuntanza participou tamén o técnico Manuel Pérez, da cooperativa galega Nova Works Consulting que está a desenvolver un proxecto que conta cun orzamento de 83.000 euros, e xunto co Plan de Igualdade, que posúe unha dotación de 70.000 euros, constituirán dous eixos de información para o coñecemento da situación e dos recursos das dúas areas.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *